ESTATUTOS DA ASOCIACIÓN
“ CASA DO MEL”
CAPITULO I.
DENOMINACIÓN, DOMICILIO, ÁMBITO DE ACTUACIÓN E FINS.
ART. 1º
- Constitúese unha asociación sen ánimo de lucro das previstas na Lei orgánica 1/2002, do 22 de marzo, reguladora do dereito de asociación. A asociación ten a seguinte denominación “ASOCIACIÓN CASA DO MEL”
- A asociación rexerase polo disposto na Lei Orgánica 1/2002, os presentes estatutos e o regulamento de réxime interno, no seu caso, así como polos acordos validamente adoptados pola Asemblea Xeral e os órganos directivos dentro da esfera das súas respectivas competencias, así como pola demais lexislación existente en materia de asociacións que lle sexa aplicable.
ART. 2º
O domicilio principal e permanente da Asociación Casa do mel, radicará na localidade de As Pontes, lugar de Goente, Casa do mel s/n, C.P. 15325. Teléfono.- 661 00 36 16, correo electrónico casadomel@vodafone.es.
Poderanse utilizar outros locais asociativos adicionais noutras localidades, mediante acordo da Asemblea Xeral, que terán atribucións para cambiar, tanto o domicilio como os locais, dando conta do seu acordo ao Organismo encargado do Rexistro de asociacións no prazo de un mes desde a toma do acordo.
ART. 3º
A Asociación Casa do mel, en funcións dos seus fins e da situación do seu domicilio social, exercerá fundamentalmente as súas actividades na Comunidade Autónoma Galega.
ART. 4º
- A duración da Asociación Casa do mel é de carácter indefinido e só se disolverá, conforme a estes estatutos, pola vontade dos asociados expresada en Asemblea Xeral extraordinaria ou polas causas previstas na lexislación vixente.
- A Asociación Casa do mel, rexerase segundo os principios democráticos contados no marco da Constitución e o resto do ordenamento xurídico.
ART. 5º
Son fins principais da Asociación Casa do mel:
a) Conservar na Casa do mel a exposición permanente da etnografía apícola, recuperando as tradicións, gastronomía, cultura e sabedoría popular relacionada coa apicultura.
b)Mellorar a formación técnica apícola dos asociados e os apicultores en xeral.
c)Fomentar un modelo de apicultura baseado no respecto á abella, á tradición e ao medio ambiente.
d)Sensibilizar a sociedade e as institucións tanto públicas como privadas sobre a importancia da abella na conservación do medio ambiente e no desenvolvemento do medio rural pola súa labor polinizadora.
e)Velar pola calidade dos produtos apícolas informando aos consumidores das súas características e promovendo a súa comercialización.
f)Fomentar a colaboración con outras entidades na investigación apicola.
g)Defender os dereitos dos asociados e representalos ante as administracións.
ART. 6º
Para levar a cabo os seus fins, a asociación poderá organizar as seguintes actividades:
a)Divulgar e apoiar iniciativas que axuden a protexer e mellorar a apicultura, o entorno rural e natural.
b)Promover publicacións e difundir nos medios de comunicación temas relacionados co mundo da abella, e materias acordes cos fins dos estatutos.
c)Organizar obradoiros e tarefas para escolares e outras entidades.
d)Promoción a comercialización das producións apícolas de xeito organizado.
e)Asistencia e promoción de feiras apícolas.
f)Asistir e organizar cursos, conferencias, xornadas, congresos, viaxes, concursos apícolas…..
g)Xestionar seguros e plans do sector apícola.
h)Establecer relacións de colaboración e participación con Entidades, Institucións e Organismos tanto de carácter público como privado, nacionais ou estranxeiros; así como solicitar axudas e subvencións de calquera tipo e clase a ditos organismos.
i)Calquera outra actividade que a Xunta directiva considere axeitada para o cumprimento dos fins da Asociación.
Os beneficios que se obteñan por calquera concepto destinaranse exclusivamente ao cumprimento destes fins, sen que se poidan repartir entre os asociados nin outras persoas físicas ou xurídicas con interese lucrativo.
ART. 7º
A asociación poderá adquirir, posuír, gravar ou transmitir toda clase de bens, realizar actos de disposición e de dominio, contratar e exercitar accións ante calquera organismo e xurisdición, conforme ás leis, aos estatutos e aos acordos adoptados polos órganos de goberno competentes.
ART. 8º
Co fin de poder realizar accións conxuntas a asociación Casa do Mel poderá asociarse con outras entidades sen ánimo de lucro en federacións, confederacións ou unión de asociacións, sempre que o acorden os respectivos órganos de goberno.
ART. 9º
A Asociación poderá contar na súa administración, co persoal técnico, asesor, auxiliar e subalterno que se estime necesario para o mellor cumprimento das súas fins, ou ben contratar ditos servizos externamente.
ART. 10º
A Asociación nace co espírito de ser declarada de utilidade pública conforme á Lei Orgánica 1/2002 de 22 de marzo, reguladora do Dereito de Asociación.
CAPITULO II
DOS/DAS SOCIOS/AS
ART. 11º
Poderán ser integrantes da Asociación Casa do mel todas aquelas persoas físicas ou xurídicas, con plena capacidade de obrar ou tras o acordo do órgano competente da persoa xurídica, que reúna algún dos seguintes requisitos:
a)Ser apicultores.
b)Ser afeccionados á apicultura.
c)Estar interesados na defensa das abellas e os seus produtos
.d)Ser defensor do medio ambiente.
e)Defender a cultura apícola en todas as súas dimensións.
f)Estar interesado en desenvolver os fins da asociación.
ART. 12º
Dentro da Asociación Casa do mel poderán existir as seguintes clases de asociados:
A)Fundadores, aquelas persoas que subscribiron a Acta Fundacional.
B)Numerarios, aquelas persoas que ingresaron con posterioridade á subscrición da Acta Fundacional.
C)Honorarios, aquelas persoas que, a xuízo da Asemblea Xeral, axuden de xeito notable ao desenvolvemento dos fins da Asociación.
D)Protectores.
ART.13º
Perderase a condición de socio:
a)Voluntariamente, mediante escrito dirixido ao presidente. O efecto de dita baixa será inmediato en relación á xeneralidade de dereitos e deberes, excepto aqueles aos que puidesen vir obrigados por acordos tomados validamente con anterioridade ou se atopasen pendente de cumprimento, e en especial os de índole económica ou de maior relevancia para a propia actividade ou fin da Asociación.
b)Obrigatoriamente:
- Por non pagamento de unha cota.
- Por realización de accións que prexudiquen gravemente aos intereses da Asociación.
- Por falecemento da persoa física ou extinción da persoa xurídica.
A expulsión de asociados e asociadas nos supostos dos apartados 1) e 2) do parágrafo anterior, será acordada pola Xunta Directiva, logo da audiencia do interesado. O acordo de expulsión deberá ser ratificado pola Asemblea Xeral Extraordinaria e contra a súa resolución poderase recorrer ante a xurisdicción ordinaria.
ART. 14º
Os asociados e asociadas teñen os seguintes dereitos:
- Participar nas actividades da asociación e nos órganos de goberno e representación, exercer o dereito de voto, así como asistir á Asemblea xeral, de acordo cos estatutos.
- Ser informado da composición dos órganos de goberno e representación da asociación, do seu estado de contas e do desenvolvemento da súa actividade.
- Ser oído con carácter previo á adopción de medidas disciplinarias contra el e ser informado dos feitos que dean lugar ás ditas medidas, debendo motivarse o acordo que, no seu caso, impoña a sanción.
- Impugnar os acordos dos órganos da asociación que estime contrarios á lei ou aos estatutos.
- Gozar de tódalas avantaxes e beneficios que a Asociación poida obter.
- Ter copia dos estatutos da Asociación.
- Ser informados sobre a composición da Xunta Directiva.
- Recibir información sobre os acordos adoptados polos órganos da Asociación.
- Facer propostas aos membros da Xunta Directiva en orde a mellorar o cumprimento dos fins da Asociación.
ART. 15º
Son obrigas dos asociados e asociadas:
- Compartir as finalidades da asociación e colaborar para a súa consecución.
- Pagar as cotas, derramas ou outras achegas que se establezan.
- Desempeñar os cargos para os que foron elixidos.
- Cumprir o resto de obrigas que resulten das disposicións estatutarias.
- Acatar e cumprir os acordos validamente adoptados polos órganos de goberno e representación da asociación.
- Ter unha boa conduta individual e cívica.
ART. 16º
Serán socios protectores cantas sociedades, entidades ou persoas sexan obxecto de tal distinción pola Xunta Directiva en razón ás súas destacadas achegas, alto patrocinio ou especial dedicación ás fins da Asociación.
ART. 17º
Serán socios honorarios cantas sociedades, entidades ou persoas reciban tan honroso título polos seus moi relevantes méritos ou servizos.
ART. 18º
Establécese o principio de igualdade de tódolos asociados sen discriminación por raza, sexo, relixión, ideoloxía; calquera outra condición ou circunstancia persoal, así como social.
ART. 19º
Para adquirir a condición de socio haberá que manifestar, mediante o correspondente escrito dirixido ao Presidente, a súa vontade expresa de se adherir á Asociación Casa do mel e de cumprir os fins estatutarios e demais normas da Asociación. No suposto de afiliación de persoa xurídica a solicitude de ingreso deberá ser subscrita polo seu representante legal. A Xunta Directiva, unha vez recibida a petición escrita, tomará os acordos de admisión.
No caso de menores de idade, maiores de catorce anos, a solicitude deberá ser autorizada polo representante, pai ou titor legal acompañándose unha acreditación da entidade do solicitante.
ART 20º
Os socios protectores e de honra non terán obrigación ningunha, salvo as derivadas da honrosa distinción conferida e ostentará tódolos dereitos inherentes á condición de socio de número, agás os recollidos nos apartados 1, 2, do art. 14º.
CAPITULO III
DOS ÓRGANOS ADMINISTRATIVOS
ART. 21º
A dirección, administración, representación e xestión da Asociación Casa do mel estará encomendada ao Presidente, Xunta Directiva e á Asemblea Xeral.
ART. 22º
A Asemblea Xeral é o Órgano Supremo da Asociación, poderá ser ordinaria e extraordinaria. Estará formada por tódolos asociados maiores de idade. Estes poderán ser representados para a asistencia á Asemblea Xeral, mediante escrito de autorización. A representación deberá recaer noutro membro asociado.
ART. 23º
A Asemblea Xeral será convocada pola Xunta Directiva con 15 días naturais como mínimo de antelación á data da súa celebración, mediante citación persoal ou por publicación nun diario da provincia. Na convocatoria indicarase o día, hora, lugar e orde de asuntos a tratar; de cara á segunda convocatoria deberá mediar polo menos 30 minutos. Entenderase validamente constituída, en primeira convocatoria, cando concorran a ela presentes, ou representados, a maioría dos asociados; en segunda convocatoria, calquera que sexa o número de asociados concorrentes, sempre que nun ou outro caso estiveran presentes o Presidente ou Vicepresidente e o secretario ou persoa que o substitúa.
Incluirase calquera asunto que estando dentro dos fins desta Asociación fora expresamente solicitado por escrito por dous membros, polo menos, da Xunta Directiva ou pola terceira parte dos asociados. Dita solicitude deberase presentar, cando menos, con tres días de antelación respecto da data de realización da Asemblea.
ART. 24º
A Asemblea Ordinaria reunirase como mínimo unha vez ao ano, con ocasión da aprobación dos orzamentos e plans de actuación para o exercicio vindeiro, aprobando, se procede, a memoria e liquidación do xa transcorrido. Esta reunión deberá celebrarse dentro do primeiro trimestre de cada ano.
ART. 25º
Serán competencias da Asemblea Xeral Ordinaria:
- Aprobar o plan de actividades.
- Examinar e aprobar as contas e balances do exercicio anterior.
- Aprobar os orzamentos de ingresos e gastos para cada exercicio.
- A aprobación da contía e periodicidade das cotas ordinarias e contribucións extraordinarias.
ART. 26º
A Asemblea Xeral Extraordinaria, reunirase cando o acorde a Xunta Directiva ou o solicite como mínimo un dez por cento dos asociados, en petición escrita e asinada polos mesmos, nese escrito farase constar o asunto ou os asuntos que vaian someterse a estudo e decisión, correspondendo á Xunta Directiva a elaboración da orde da Asemblea Xeral Extraordinaria que deberá ser convocada nun prazo non superior a trinta días a contar dende a recepción do escrito, dito escrito deberá ser dirixido ao Presidente.
ART. 27º
Son materia de exclusiva competencia da Asemblea Xeral Extraordinaria:
- A modificación dos Estatutos.
- A fusión ou federación da Entidade.
- A disolución da Entidade.
- A adquisición, hipoteca, transmisión, ou gravame de bens sociais ou obxectos de arte.
- Designar os liquidadores.
- Elixir e cesar os integrantes da Xunta Directiva.
- As revisións dos acordos de admisión e expulsión dos socios, emitidos pola Xunta Directiva.
- O cambio de domicilio ou sede social.
- Solicitar a declaración de utilidade pública.
- Aprobar o regulamento de réxime interno da Asociación.
- As que sendo de competencia da asemblea ordinaria, por razóns de urxencia ou necesidade, non poidan agardar á súa convocatoria, sen grave prexuízo para a Asociación.
- En xeral calquera materia que someta á súa decisión a Xunta Directiva, ben por iniciativa propia, ben por petición expresa e escrita cando menos do trinta por cento dos socios.
ART. 28º
Os acordos que preceptivamente e vinculantes deben ser adoptados en Asemblea Xeral extraordinaria, deberán ser aprobados por maioría simple dos socios presentes ou representados, agás nos casos en que por Lei ou estatutariamente sexa preciso un “Quórum” determinado. Os apartados do 1 ao 7 do artigo 27 requirirán a maioría de dous terzos dos asistentes ou representados.
ART. 29º
Presidirá a celebración das Asembleas Xerais o Presidente da Asociación acompañado dos membros da Xunta Directiva, actuando como secretario o mesmo desta, salvo imposibilidade material que se nomeará de entre os presentes secretario accidental deixando constancia na Acta da reunión.
ART. 30º
Os acordos das Asembleas Xerais faranse constar no Libro de Actas da Asociación. As Actas serán subscritas polo Presidente e o Secretario. A acta deberá ser lida na seguinte sesión celebrada pola Asemblea Xeral e aprobada pola maioría dos membros presentes. As actas unha vez aprobadas, serán executivas dende a data da súa aprobación, agás o relativo aos acordos de índole administrativa que precisen a aprobación do organismo administrativo competente da Xunta de Galicia ou doutras administracións, antes da súa execución.
ART. 31º
Os acordos adoptados conforme ós preceptos anteriores obrigarán a tódolos/as asociados/as, incluso aos/ás non asistentes.
ART. 32º
As sesións abriranse cando así o determine o presidente. Seguidamente procederase por parte do secretario á lectura da acta da asemblea anterior que deberá ser aprobada.
Posteriormente, o secretario procederá a presenta-la orde do día. Cada punto será informado polo membro da Xunta Directiva que lle corresponda, procedéndose ao debate e á aprobación dos correspondentes acordos nos termos contidos nestes estatutos, segundo a materia de que se trate.
ART. 33º
Os acordos que vaian contra estes estatutos ou infrinxan os fins da asociación poderán ser recorridos en reposición diante da Asemblea Xeral. A partir da resolución do recurso de reposición, quedará expedita a vía para recorrer perante a xurisdicción ordinaria.
ART. 34º
A Asociación Casa do mel, será rexida e administrada pola Xunta Directiva, sen prexuízo das atribucións que corresponderán á Asemblea Xeral.
ART. 35º
A Xunta Directiva estará composta por 6 membros; sendo os cargos da mesma:
- O Presidente
- O Vicepresidente.
- O Tesoureiro.
- O Secretario.
- 2 vocais.
ART. 36º
A Xunta Directiva reunirase cantas veces o esixa o interese da Asociación e polo menos unha vez cada trimestre de ano natural.
Será convocada polo Presidente ou por quen lle substitúa, á iniciativa propia ou a petición dun mínimo de 4 dos seus membros, con quince días naturais de antelación.
O Presidente redactará a Orde do Día, na que se incluirán os asuntos suxeridos polos outros membros da Xunta.
A Xunta quedará constituída cando á hora convocada concorra a maioría dos seus compoñentes, de non ser así, quedará constituída en segunda convocatoria, media hora despois, cos membros presentes.
Os integrantes da Xunta Directiva asistirán con puntualidade ás sesións.
As faltas non xustificadas de tres sesións consecutivas ou cinco alternas dentro do ano, poderán dar lugar ao cese no cargo.
ART. 37º
Os acordos da Xunta Directiva, tomaranse por maioría de votos dos membros presentes, non admitíndose a representación nin o voto delegado.
En caso de empate, o acordo producirase mediante exercicio, polo Presidente do seu voto de calidade.
Todo membro desconforme cun acordo de maioría pode disentir que iso conste na Acta da sesión.
ART.38º
As declaracións e acordos das sesións da Xunta Directiva levaranse nun libro de Actas, quen levantará as mesmas e serán subscritas polo Secretario e o Presidente.
ART.39º
Corresponde á Xunta Directiva a máis ampla facultade e poderes para administrar e rexer a Asociación Casa do mel e facer no seu nome todo aquilo que por Lei, ou nestes Estatutos non estea expresamente reservado á Asemblea Xeral.
En consecuencia, compete á Xunta Directiva, salvo limitación expresamente acordada pola Asemblea as seguintes facultades:
a)Programar e dirixir as actividades asociativas e levar a xestión administrativa e económica da Asociación, executando os acordos da Asemblea Xeral.
b)Someter á aprobación anualmente da Asemblea Xeral o Orzamento de ingresos e gastos, o estado de Contas correspondentes ao ano anterior, os Inventarios de bens da Sociedade e a memoria de actividades efectuadas pola Entidade durante o exercicio.
c)Propoñerlle á Asemblea Xeral a fixación de cotas ordinarias e extraordinarias para os asociados.
d)Realizar todo tipo de actos con plenitude de competencias, atribucións e facultades e con liberdade para fixar pactos, cláusulas, disposicións, determinacións e declaracións, de sorte que a representación da Asociación osténtese sen trabas, limitación nin excepción ningunha, tanto en España coma en calquera outro país e con suxeición ás súas leis.
e)Administrar os fondos da Asociación, conservar o seu patrimonio e nomear e separar ao persoal retribuído.
f)Resolver sobre a admisión de novos socios e a expulsión dos existentes, sen prexuízo da superior competencia da Asemblea Xeral Extraordinaria.
g)Interposición de calquera clase de recurso legal.
h)Solicitar, seguir, cobrar, mediante os exercicios de todos os actos precisos en dereito, subvencións de calquera tipo ou natureza a entidades privadas ou públicas.
i)Aceptar doazóns puras, condicións ou onerosas de calquera clase de bens.
j)En caso de extrema urxencia, poderá tamén adoptar acordos que sexan competencia das Asembleas Xerais, pero convocando simultaneamente a esta para o acordo de ratificación no seu caso.
k)Interpretar e aplicar o presente Estatuto e posterior Regulamento, ademais de todas cantas disposicións emanen da autoridade competente e das Asembleas Xerais.
l)Preparar e convocar a celebración das Asembleas Xerais, tramitar debidamente as peticións e propostas que no seu caso formulen os asociados e executar e vixialos acordos que se adopten, así como, constituír a mesa das Asembleas e fixar a data.
m)Crear e organizar comisións de estudo ou de traballo.
n)Propoñer o plan de actividades da asociación á Asemblea Xeral para a súa aprobación, impulsando e dirixindo as súas tarefas.
o)Resolver os procedementos disciplinarios que se instrúan.
p)E, en xeral, desenvolver todas cantas facultades se dirixan ao mellor funcionamento dos obxectivos e fins da Asociación da Casa do mel, así como, calquera outra que se derive das anteriores.
Os acordos da Xunta Directiva serán firmes e executivos, dende a data da súa aprobación, sen prexuízo da rendición de contas na reunión da Asemblea Xeral máis próxima.
ART.40º
Os membros da Xunta Directiva presidirán as comisións que a propia Xunta acorde constituír, co fin de delegar nelas a preparación de determinados actos ou actividades, ou de acadar delas as informacións necesarias. Formarán parte das ditas comisións o número de asociados que acorde a Xunta Directiva, a proposta dos seus respectivos presidentes.
ART.41º
Os cargos da Xunta Directiva serán elixidos por un período de 2 anos, aínda que poden ser obxecto de reelección indefinidamente. Os cargos serán electos na Asemblea Xeral Extraordinaria.
A Xunta directiva poderá contar cun Equipo Técnico – Asesor composto por un número indeterminado de persoas.
Tódolos cargos da Xunta Directiva serán desempeñados gratuitamente, sen prexuízo de seren reintegrados a quen os desempeñe, os gastos e indemnizacións que o seu exercicio lles ocasione.
ART.42º
Os cargos cesarán na súa función por:
a) Falecemento da persoa física ou extinción da persoa xurídica.
b) Renuncia voluntaria.
c) Transcurso do prazo para o que foron elixidos.
d) Acordo de cesamento de toda a Xunta Directiva adoptado por 2/3 dos asociados reunidos en Asemblea Xeral extraordinaria convocada para tal efecto.
A renuncia e o transcurso do prazo non dan lugar ao cesamento automático, senón que se deberá facer un efectivo traspaso de poderes con entrega de documentación e posta ao día do sucesor.
As vacantes que se puideran producir durante o mandado de calquera dos membros da Xunta Directiva, serán cubertas provisoriamente entre os ditos membros ata a elección definitiva pola Asemblea Xeral. En calquera caso, a Xunta Directiva debe estar integrada como mínimo por 3 persoas, que exercerán as funcións de presidente, secretario e tesoureiro.
DO PRESIDENTE
ART.43º
Competerá ao Presidente a representación da Asociación a tódolos niveis e correspóndelle especialmente:
a)Convocar e presidilas sesións das Asembleas Xerais, Xuntas Directivas e Comisións ás que se asista ordenando e dirixindo os debates.
b)Coidar da execución dos acordos dos Órganos de Goberno.
c)Comparecer en nome da Asociación ante todo xénero de persoas, autoridades, organismos e tribunais de calquera grado e xurisdición, así como autorizar coa súa sinatura e presenza en todos os actos e contratos nos que se atope implicada a Asociación.
d)Representar a asociación perante calquera organismo público ou privado.
e)Abrir, manter e cancelar contas bancarias coa súa sinatura e a do tesoureiro , así como dispoñer a ordenación de cobros e pagos acordados validamente.
f)Asumir a Xefatura do persoal.
g)Asinar as actas, certificados, pagamentos e outros documentos da asociación xunto co secretario.
O VICEPRESIDENTE
ART.44º
O Vicepresidente exercerá as funcións que delegue o Presidente, auxiliándoo no seu cometido e substituíndoo durante a súa ausencia calquera que sexa a causa das mesmas.
O TESOUREIRO
ART.45º
Serán funcións do Tesoureiro as seguintes:
a)Dirixir a contabilidade da Asociación, tomando razón dos ingresos e gastos.
b)Recadar e custodiar os fondos pertencentes á asociación.
c)Executar os pagos ordenados polo Presidente, autorizándoos coa súa sinatura.
d)Facer o borrador dos orzamentos anuais de ingresos e gastos así como o estado de contas do ano anterior (incluídas contas de resultados e balances).
O SECRETARIO
ART.46º
Corresponderá ao Secretario:
a)Actuar como tal nas reunións, tanto da Asemblea como da Xunta Directiva, levantando actas das mesmas.
b)Custodiar e levar os libros de Actas e o ficheiro e rexistro de Asociados.
c)Asistir ao Presidente para fixar a Orde do Día e cursar as convocatorias.
d)Expedir certificacións co visto e prace do presidente.
e)Redactar a memoria anual, os plans de actividades e os documentos que sexan precisos.
f)O secretario tamén levará o inventario dos bens da asociación nun libro establecido para este efecto.
Será substituído en caso de ausencia ou enfermidade polo vocal primeiro.
OS VOCAIS
ART.47º
Corresponde aos vocais asistir obrigatoriamente ás sesións que se convoquen nas que terán voz e voto, e prestar durante o transcurso daquelas a súa colaboración e consello, desempeñando as funcións que a Xunta Directiva delegue.
Presidirán as comisións e representacións que se constitúan con finalidades específicas.
CAPITULO IV
RÉXIME ECONÓMICO – FINACIEIRO E CONTABLE
ART. 48º
A Casa do mel carece de patrimonio fundacional; e os recursos económicos sociais estarán integrados polos seguintes:
a)As cotas de calquera tipo e as acordadas pola Asemblea Xeral.
b)As achegas ou subvencións que, xenericamente ou de forma específica para determinadas fins, concedan as diferentes administracións públicas.
c)As achegas voluntarias en bens e servizos que produzan os seus asociados ou terceiros.
d)As doazóns, subvencións, herdanzas e legados co que fora favorecida.
e)Os beneficios que se obteñan en feiras, certames, actividades formativas ou prestación de asistencias técnicas e asesoramento con fins de promoción das actividades vinculadas ao sector apícola.
f)Os ingresos que por prestación de servizos ou concesión de servizos puidesen obterse.
g)Os froitos naturais ou civís do seu patrimonio.
h)As doazóns, achegas, créditos, herdanzas, legados e, en xeral, calquera outro ingreso de orixe público ou privado que se destine á consecución das fins estatutarias.
i)Os ingresos derivados da comercialización e venda de produtos relacionados coa apicultura na Casa do mel.
j)Calquera outro ingreso admitido pola normativa vixente para entidades non lucrativas.
ART. 49º
A Asociación levará a súa contabilidade por calquera dos procedementos comunmente admitidos pola ciencia contable para o tipo de Asociación que se trata e amolará a súa vida económica ao sistema de orzamento anual; considerándose como data de peche do exercicio económico o día 31 de decembro do ano que se trate.
ART. 50º
Cada orzamento será examinado, debatido e, no seu caso aprobado, pola Asemblea Xeral Ordinaria. Do mesmo xeito, as contas anuais serán sometidas á Asemblea Xeral Ordinaria, a cal determinará o destino, se existise, do excedente do orzamento e dos beneficios obtidos polo exercicio de actividades económicas, que deberán en todo caso destinarse exclusivamente ao cumprimento dos seus fins. A Asemblea Xeral Ordinaria deberá aprobar ou censurar as contas.
ART. 51º
A Asemblea Xeral Ordinaria, a proposta da Xunta Directiva, aprobará tanto as cotas ordinarias como as extraordinarias que non serán reintegrables en ningún caso. O recadado dedicarase a atender as necesidades da asociación.
ART. 52º
Todo socio terá dereito a pedir e obter datos referentes ao desenvolvemento económico da Asociación. Igualmente poderá examinar a contabilidade e libros que a integran no período comprendido entre a convocatoria e a celebración das Asembleas Xerais.
ART. 53º
Ao respecto das achegas sociais establécese que:
- O pago da cota anual que se determine efectuarase dentro do primeiro trimestre de cada exercicio.
- A falta no pago de unha cota, despois do oportuno requirimento por escrito poderá dar lugar á incoación do expediente de baixa a tódolos efectos legais.
- Na tramitación poderá rehabilitarse o socio interesado mediante o pago da Cota adebedada incrementada no xuro anual oficial do Banco de España mais en dous puntos porcentuais en concepto de intereses de demora.
- Os socios cos que existan contratos específicos de achegas a través de servizos prestados, estarán suxeitos a estes contratos, en todo caso os
mencionados contratos serán postos en coñecemento do resto dos socios.
ART. 54º
Para a disposición de fondos das contas que a asociación ten nas entidades bancarias será necesaria a sinatura conxunta do presidente e do tesoureiro.
ART. 55º
Como entidade sen ánimo de lucro, en ningún caso poderán ser distribuídos entre os/as asociados/as os recursos obtidos pola asociación.
CAPITULO V
DO REGULAMENTO DE RÉXIME INTERNO
ART. 56º
O regulamento de réxime interno, no seu caso, desenvolverá aquelas materias non contempladas directamente nestes estatutos, como o procedemento de elección dos membros da Xunta Directiva e o procedemento disciplinario, e non pode ir en ningún caso en contra do estipulado neles. En todo caso, o funcionamento interno da asociación estará sometido ao ordenamento xurisdicional civil.
CAPITULO VI
DA VIXENCIA, APROBACIÓN E MODIFICACIÓN DE ESTATUTOS E DISOLUCIÓN DA ASOCIACIÓN
ART. 57º
A duración da Asociación Casa do mel será por tempo indefinido, podendo disolverse polas seguintes circunstancias:
a)A Asociación disolverase voluntariamente cando así o acorde a Asemblea Xeral Extraordinaria convocada ao efecto por unha maioría de 2/3 dos socios presentes ou representados. Disolvida a Asociación, procederase á súa liquidación.
b)Por sentenza xudicial.
c)Imposibilidade de cumprir as súas fins.
ART. 58º
En caso de disolución, a Asemblea Xeral nomeará unha Comisión liquidadora, que xunto coa Xunta Directiva, farase cargo dos fondos existentes, amortizará totalmente o seu pasivo co propio patrimonio da Asociación. O destino que se lle dará ao excedente, se o houbese, será o de engrosar os fondos dalgunha asociación sen fin de lucro adicada ao desenvolvemento económico e social do territorio ámbito de actuación da Asociación e que a Asemblea Xeral designe, tendo que destinarse os mencionados fondos para actividades relacionadas coa promoción do sector apícola; o libro de Actas e documentación pasarán a engrosar un dos Arquivos Municipais dos Concellos na que a agrupación teña a súa sé ou establecemento.
ART. 59º
Os presentes Estatutos empezarán a rexer dende a súa aprobación na Asemblea Xeral constituínte.
ART. 60º
Os presentes Estatutos só poderán ser modificados por acordo da Asemblea Xeral Extraordinaria, convocada expresamente para tal fin, adoptado co voto favorable das 2/3 partes dos asociados presentes ou representados. Para que este teña virtualidade, a tenor do establecido na Lei Orgánica 1/2002, requirirase a súa comunicación e aprobación pola Delegación de Xustiza da Xunta de Galicia.
DISPOSICIÓN ADICIONAL
En todo canto non estea previsto nos presentes Estatutos aplicarase a vixente Lei Orgánica 1/2002, de 22 de Marzo, reguladora do Dereito de Asociación, e as disposicións complementarias.
DELIXENCIA
Os presentes estatutos foron aprobados en Asemblea Xeral Extraordinaria celebrada na Casa do Mel en Goente, o 22 de abril de 2017 e redactados conforme ao RD. 949/2015 do 23 de outubro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro Nacional de Asociacións.
Asdo. O Secretario Vº . e prace
Asdo. O Presidente