DESCARGAR: RESUMO-XORNADAS INTERCAMBIO DE IDEAS SOBRE VESPA VELUTINA

cartel-xornadas-velutina-2

RESUMO DAS XORNADAS

Autoras:

  • Dna Isabel Goti Caaveiro.
  • Dna Noelia Gabeiras Alonso

Técnicas Asociación Casa do Mel.

 

 

INAUGURACIÓN DAS XORNADAS

 

xornadas_001

 

Interveñen:

D. Manuel Ferreira Rodríguez. Presidente da Asociación Casa do Mel e Delegado da Asociación Galega de Apicultura, DAGA Eume.
D. Valentín González Formoso. Ilmo. Sr. Presidente da Deputación da Coruña e Alcalde de As Pontes.

Don Manuel Ferreira Rodríguez intervén para facer unha breve introdución do motivo destas Xornadas que como o título indica é intercambiar ideas sobre a Vespa Velutina en Galicia, para visualizar o seguimento dende que chegou a Galicia e analizar como se está actuando por parte de todos os actores implicados e poder sacar algunhas conclusións.

Indica que 90 % dos socios da Asociación Casa do Mel están afectados e nomea os proxectos nos que está traballando e colaborando que presentará mais tarde nun dos relatorios.

D. Valentín González Formoso fai unha intervención para indicar que está ao tanto do problema dende fai tempo como Alcalde de As Pontes , e que agora como Presidente da Deputación, os alcaldes maniféstanlle as súas inquedanzas.

A Deputación abriu unha liña de investimentos para os concellos e para os GES para intentar controlar a especie.

Indica que a Deputación dotou de un investimento de 250.000 euros na Facultade de Bioloxía da USC para abrir liñas de investigación, coa finalidade de investigar e mellorar a prevención e o control desta especie.

Fai un agradecemento á directiva da Asociación Casa do Mel pola organización destas xornadas e pola colaboración co Concello de As Pontes.

PROBLEMÁTICA DA VESPA VELUTINA DENDE O PUNTO DE VISTA DAS ASOCIACIÓNS APÍCOLAS.

xornadas_002

Interveñen:

D. Pablo Piero Fraga. Presidente da Asociación Provincial Lucense de Apicultores (APLA).
D. Gonzalo Calvo Fraga. Veterinario da Asociación Galega de Apicultura (AGA)
D. José María Seijo Coello. Presidente da Agrupación Apícola de Galicia.
Dna. María Éster Ordóñez Díos. Presidenta da I.X.P. Mel de Galicia.

D. Pablo Piero Fraga fai unha presentación gráfica nun mapa, do número de asociados da asociación que preside, indicando que, son 398 socios con 225 asentamentos na provincia de Lugo e un na Provincia de A Coruña.

Os socios maioritariamente son do centro da provincia de Lugo, polo tanto non teñen moita incidencia, excepto dous que pertencen a concellos da Mariña de Lugo os cales si que tiveron incidencias dende o ano 2014, incrementadas no 2015. Neste ano 2016 parece que diminuíu tal e como amosan os mapas oficias da Xunta de Galicia.

Indica que alertaron a Xunta no momento que atoparon o primeiro niño na Mariña. Fai un chamamento a que se faga investigación aquí, en Galicia, porque parece que o comportamento desta especie aquí, ten as súas particularidades, que non coinciden exactamente co que está publicado nos informes oficiais. Indica que temos que adaptarnos a convivir con ela posto que non ve posibilidades de erradicala, e para iso necesitamos coñecemento e divulgalo ben. Propón:

  • Estudar ben o ciclo biolóxico de adaptación.

  • Implicación dos concellos.

  • Concienciación cidadá.

  • Formación e divulgación adecuada.

  • Cuantificar as perdas de produción.

D. Gonzalo Calvo Díaz fai unha presentación como veterinario de AGA indicando que esta especie está afectando a un animal de produción da especie Apis mellifera, tanto á súa reprodución coma á súa produción.

Indica que dende a súa chegada obsérvase que se reproduce e esténdese polo territorio dun xeito espectacular.

Enumera varios métodos de loita que se están practicando e probando: trampas, retirada de niños, drons, cans para localizar niños, gaiolas de rede diante das colmeas, pitas, electrocutores …. pero ningún deles coa eficacia desexable.

Actualmente debe diferenciarse a súa incidencia no medio urbano fronte ao medio rural. Como veterinario no medio rural, está incluso recomendando aos apicultores facer trashumancia cando o ataque é moi forte, e contabilizalo na conta de resultados da explotación para comprobar se este gasto compensa ou non.

Medidas que se están propoñendo actualmente:

Captura de raíñas en primavera; retirada de niños accesibles; e trampas a partir de agosto – setembro.

Indica que no estudio que fixo AGA este ano, as trampas na primavera só conseguiron no mellor dos casos unha eficacia do 1% na captura de raíñas, o resto de capturas foron de outros insectos.

Liñas de investigación: Láser para ataque ás velutinas e defensa nos apiarios, parasitos autóctonos, abellas máis agresivas. Incluso a curto prazo uso de troianos na propia vespa velutina con fungos e antiquitizantes, pero solo ao principio dos ataques da tempada.

Fai unha comparación entre a semellanza da incidencia da vespa velutina e o paxaro abejaruco; e apunta a posibilidade de que aos apicultores se lles de opción de poder subscribir seguros agrarios, para compensar as perdas causadas por esta especia, na liña que teñen noutras comunidades polo abejaruco ou a seca.

D. Jose Maria Seijo Coello fai unha introdución da incidencia nos apiarios e observan que o seu comportamento de ataque ás colmeas non é igual en todas as zonas, pese a que haxa carga de velutinas semellante. Indica tamén que, os mapas oficiais non son reais, e apunta que a propia actividade humana de transporte de madeira de eucalipto está axudando a que se espalle máis polo territorio. Percibe que non temos investigado nada ou moi pouco.

Sinala ademais, que os apicultores temos que adaptarnos a convivir con ela o mesmo que pasou coa varroa. Para iso temos que vixiar e traballar máis e mellor no apiario; vixiar as reservas de alimentos; alimentar cando sexa necesario; facer os núcleos de reprodución e fecundación no momento máis axeitado. En definitiva: mellorar e adaptar o manexo do apiario.

Manifesta a súa preocupación polo uso de produtos químicos moi potentes, os chamados “troianos” porque ve un risco sen control. Pide prudencia ante este tema.

Dna Maria Ester Ordoñez Dios comeza facendo un agradecemento á Casa do Mel por tratar de xuntar a todas as asociacións apícolas de Galicia, para tratar de ter unha voz común do sector, polo menos neste tema.

Fai unha exposición de como se está adaptando esta especie en Galicia e reclama tamén máis investigación. Observa que o que indica a bibliografía sobre o comportamento e o ciclo non coincide exactamente aquí. Sinala que hai que ver como se van adaptando. Por exemplo niños que están activos moito máis tempo do que indican os textos.

Tamén apunta que temos que adaptarnos no manexo do apiario. Non lle preocupa que se manexen fungos nos chamados “troianos”, pero preocúpalle moito que se manexen substancias químicas sen estar ben probada a súa eficacia e sen valorar os riscos. Engade que, como Presidenta do Consello regulador da I.X.P. Mel de Galicia coñece de primeira man o traballo que custou conseguir certificar unha calidade e un recoñecemento deste produto no mercado, e que sería unha mágoa que, por unhas prácticas deste tipo, sen a súa avaliación nin aprobación por parte dos organismos oficiais, se poida poñer en risco todo o traballo acadado para conseguir este recoñecemento do que goza hoxe en día.

Pide aos medios de comunicación que cando saquen as novas nos xornais e noutros medios sobre este tema, sexan rigorosos e que se aseguren que son datos contrastados.

Pide aproveitar a capacidade que teñen os apicultores de inventar cousas, así como a implicación doutros sectores (fruticultores, viticultores, silvicultores, forestais, labregos,…).

PROBLEMÁTICA DA VESPA VELUTINA DENDE O PUNTO DE VISTA DOS CONCELLOS

xornadas_003

Interveñen:

D. Mario Rouco Rey. Concello de Muras.
Dna Eva Mª García Amor. Concello de Cabanas.
Dna Mariela Aguilar Prieto. Concello de Fene.
D. José Simoes Couceiro. Concello de Pontedeume.
D. Manuel Varela Macías. Concello de San Sadurniño.
D. Francisco Ramil Pernas. Concello de Ourol.

D. Mario Rouco Rey fai unha presentación das características orográficas e da poboación do Concello. Indica que a apicultura é un recurso con moito potencial no Concello e que actualmente están censados 40 apicultores estantes e algúns trashumantes. Manifesta que, cando chegaron ao Concello descoñecían como actuar neste tema, e puxéronse en contacto coa Casa do Mel para asesorarse. Organizáronse charlas por todas as parroquias para establecer pautas de actuacións comúns.

No Concello non teñen unidades de Protección Civil e entón son os traballadores do Concello os que retiran os niños apoiados pola Asociación Casa do Mel.

Este ano mellorou moito a resposta e a coordinación con respecto o ano pasado, pero indica que os datos oficiais de detección de niños non coinciden coa realidade.

Incide na formación dos equipos GES e na formación dos apicultores.

Dna Eva García Amor indica que asiste a estas xornadas para tomar datos e ver como poden actuar mellor no seu Concello de xeito coordinado.

Dna Mariela Aguilar Prieto indica que na primavera organizaron charlas en colaboración coa Casa do Mel en todas as asociacións de veciños. Os niños retíranos os GES en colaboración con Protección Civil e a Casa do Mel. Os veciños este ano avisaron de moitos máis niños que o ano pasado.

D. José Simoes Couceiro indica que tamén se fixeron charlas por todas as parroquias e a xente chama cando ve niños. Engade que teñen unha pértega compartida con outros tres concellos. Protección Civil e a Policía Local son os que colaboran retirando niños. Pero manifesta a súa preocupación porque as pértegas non son aptas para traballar en proximidade a liñas eléctricas, e explica un incidente que tiveron por esta causa.

Este ano está sacando en conclusión que no seu concello van ter que habilitar unha partida orzamentaria para este fin nos próximos orzamentos, ou mancomunar este servizo.

Manuel Varela Macías comeza agradecendo ás asociacións apícolas que crearan conciencia do problema na sociedade. O seu concello está atendido pola Consellería de Medio Ambiente, quéixase de que apareza publicado nos mapas oficiais de seguimento, concellos colaboradores, parece como que o resto non colaboran coa Xunta de Galicia. Indica que no 2014 gravaron e publicaron un vídeo didáctico sobre a Vespa Velutina, en colaboración coa Casa do Mel, que a día de hoxe conta con máis de 35000 visitas (https://www.youtube.com/watch?v=phtjLpnzgJI); organizan charlas cos veciños, e no boletín informativo que reparten periodicamente aos veciños do concello tamén vai unha cuña informativa sobre a velutina. Fai unha crítica a que haxa que facer catro ou cinco chamadas para dar un aviso, e incluso se o concello quere informar de varios niños, indícanlle que deben facer unha chamada por cada niño. Manifesta a súa desconformidade con que os concellos teñan que habilitar partidas orzamentarias para isto, e di que descoñece a canto poden ascender estes custos. Indica que o concello solo ten competencias en temas que poidan afectar á seguridade cidadá, pero non ten competencias en Medio Rural nin en Medio Ambiente.

Invocando á capacidade inventora dos apicultores, indica que el fixo un experimento e observou que poñendo as colmeas nun sitio escuro as velutinas non lles atacan.

D. Francisco Ramil Pernas indica que fai dous anos que se atoparon co problema e o ano pasado retiraron 175 niños e utilizaron a pértega e os traxes da Casa do Mel. No ano 2016 formaron un grupo de voluntarios que entre marzo e xuño capturaron un total de 1860 raíñas e que levan retirado 75 niños.

Puxeron un teléfono do concello a disposición dos veciños porque o 112 ou 012 non era efectivo, porque fan moitas preguntas e os afectados, ás veces non saben contestalas ben e colgan. Teñen unha persoa de protección civil que se encarga de retirar os niños de noite e utilizan unha pértega compartida con outros tres concellos.

Fai un chamamento para que a Xunta de Galicia os dote dos medios que necesitan porque eles xa habilitaron unha partida orzamentaria para atraentes e traxes.

A VESPA VELUTINA EN GALICIA: ACCIÓNS DA ADMINISTRACIÓN PÚBLICA.

Intervén:

D. José Luis Puertas Villegas. Consellería do Medio Rural da Xunta de Galicia.

Comeza indicando que el actualmente está ocupando un posto técnico, non político, dentro da Consellería do Medio Rural.

Fai unha presentación do hábitat natural desta especie a nivel mundial e da súa evolución cronolóxica que experimentou en Galicia dende a súa chegada.

Xustifica o protocolo de actuación e vixiancia desta especie publicado pola administración, en cumprimento do RD 630/2013 sobre especies invasoras. Indica que este plan é un programa aberto e vivo que se vai modificando e revisando en función dos coñecementos que se van tendo da especie.

Informa e nomea todos os organismos da Administración que interveñen neste plan, como se recollen os datos e rexistran as fichas de control. Di que están desbordados polas chamadas que reciben, pese a que están atendidas por varias unidades coordinadas.

Enumera as actuacións máis destacables que se organizaron, e a formación na EGAP na que asistiron colectivos que están a participar nas labores de retirada de niños.

Mostra e deixa nas Xornadas uns trípticos que editou a Xunta e que están a disposición de colectivos e público en xeral en calquera oficina da Xunta de Galicia.

Indica que escoitando aos participantes dos concellos e das asociacións apícolas, percibe unha coordinación mellorable, e que o desexable sería que estivera ben coordinado e centralizado todo o sistema de información e coordinación.

Manifesta que a prioridade na Administración é a investigación, e ter datos contrastados para actuar de forma máis axeitada.

Informa que o goberno francés está analizando se os medios que está investindo neste tema compensan os beneficios obtidos e, polo tanto, están valorando a situación.

PROXECTO DO GRUPO OPERATIVO DE INNOVACIÓN DA CASA DO MEL.

xornadas_004

Interveñen:

D. Manuel Ferreira Rodriguez e Raúl Lobeiras Bañobre. Presidente e Tesoureiro da Casa do Mel
D. Miguel Teixido Sotelo. Xerente do G. D. R. EuroEume.
D. Miguel Fernandez Pardo. Técnico do G.D.R. Mariñas-Betanzos.
Dr. D. Xose Lois Otero Perez. Universidade de Santiago de Compostela.
D. Jorge Seoane Brandariz. Instituto Tecnolóxico de Galicia.

D. Manuel Ferreira Rodriguez e Raúl Lobeiras Bañobre expoñen as actuacións levadas a cabo pola Asociación Casa do Mel dende que os asociados comezaron a ter ataques nas colmeas. Indican que o primeiro ano (2014), os apicultores manifestábanlles as queixas pola impotencia que sentían ao ver que non tiñan medios nin coñecementos para evitar os ataques das velutinas nas súas colmeas. Engaden que incluso se viviron momentos tensos, cando en reunións chegaron a manifestarlles que a Asociación non os defendía nin os representaba ben fronte á administración.

No ano 2015 formouse un grupo de traballo para axudar aos asociados, tomando como referencia o protocolo de actuación da Xunta de Galicia; mercáronse traxes e pértegas para eliminar niños cando os socios o necesitaran; formouse ás persoas que participaron na eliminación de niños, valorando os riscos e os equipos empregados e planificáronse medidas de seguridade e de actuación en caso de emerxencias. Tamén contrataron seguro de R.C. e de accidentes. Paralelamente realízanse charlas polas asociacións e colexios da comarca para informar da situación á poboación en xeral.

Neste ano 2016 foi cando se veu a necesidade de sacar adiante proxectos máis ambiciosos, e buscar outros métodos de loita contra a velutina. Pero para iso, necesitábanse investigadores e socios tecnolóxicos. Deste xeito foi como xurdiu este Grupo 0perativo de Innovación, e como se solicitaron unhas axudas para a creación e funcionamento de grupos operativos de innovación da Asociación Europea de Innovación en materia de produtividade e sustentabilidade agrícola.

Cos recursos propios da asociación, creouse unha páxina web onde se rexistran e publican todos os niños xeorreferenciados, cos avisos que reciben na Asocciacion Casa do Mel. Deste xeito pódense ter datos máis precisos da situación xeográfica dos mesmos e que os poidan usar os investigadores, apicultores ou o público en xeral interesado. (http://www.casadomel.es/mapas/)

D. Miguel Teixido Sotelo, explica como funcionan os G.D.R. dinamizando o medio rural, e o tipo de proxectos que se poden solicitar cando hai fondos públicos para financialos. Valorou o proxecto antes citado e concluíu que encaixaba na finalidade destas axudas polo que se solicitou. Posteriormente foi aprobado e xustificado.

D. Miguel Fernández Pardo, expón que a colaboración neste proxecto consistiu no desenvolvemento dunha aplicación para móbiles. Esta permite quitar unha fotografía a unha especie invasora e automaticamente trasladala a un servidor central onde identifica a especie e xeorreferencia a súa situación. Posteriormente, eses datos poden rexistralos, e poñelos a disposición pública nunha plataforma similar á que está traballando a Casa do Mel .

Dr. D. Xosé Lois Otero Pérez, explica a súa colaboración neste proxecto que consiste basicamente en investigar e estudar a liña do uso máis eficaz dos biocidas, atraentes e feromonas para a loita contra esta especie.

D. Jorge Seoane Brandariz, centrouse en explicar a experiencia que ten a institución que el representa, en diversos campos da tecnoloxía. Neste proxecto colaboran no deseño dunha ferramenta que se instale nun dron ou UAV (Unmanned Aerial Vehicle) para poder aplicar a avespeiros de moi difícil acceso e dun xeito seguro o biocida ou a sustancia que sexa elixida no grupo.

COLOQUIO SOBRE OS TEMAS TRATADOS

Nas roldas de intervencións do público, pregunta Ramón del Valle (Xefe de Área do Medio Ambiente Endesa As Pontes) por que non se optou por solicitar axuda dun proxecto LIFE, xa que ao seu entender encaixa nesa liña. Contestoulle Miguel Fernández Pardo que como a maioría dos socios deste proxecto son sociedades sen ánimo de lucro, non dispoñen de capital suficiente para facer fronte á inversión inicial para ese tipo de proxectos.

Maniféstase por parte de moitos dos asistentes que consideran unha boa iniciativa a plataforma de xeorreferenciar os niños.

A VESPA ASIÁTICA: UN DEPREDADOR EXÓTICO EN EUROPA. ¿QUE NOS DEPARA O FUTURO?

xornadas_005

Intervén:

Dr. D. Xesús Feás Sánchez. Membro da Academia das Ciencias Veterinarias de Galicia.

Comeza representando unha ilustración gráfica o rexistro de tráfico marítimo mundial actualmente (https://www.shipmap.org/), indicando que os científicos identificaron a procedencia exacta da rexión de China desta especie de Vespa velutina que chegou a Europa e a Corea. Alerta do resto de especies de vespas que hai nesa zona, e que parece ser que esta aínda non é das peores. Fai unha reflexión de como está tan desorganizado o control de entrada de especies foráneas ou o control na orixe na importación de mercadorías en Europa. Explica a forma diferente de actuar que tivo o Reino Unido con respecto a como se actuou aquí. Xa que cando a detectaron por primeira vez no seu territorio, mobilizaron a todo exército para localizar avespeiros nun radio de 3 millas e fixérono coordinados con todas as autoridades da zona. http://www.nonnativespecies.org//news/index.cfm?id=227

Comenta o tratado na Conferencia Internacional sobre Vespa velutina organizada en Lugo os días 1 e 2 de setembro e indica que os apicultores sacaron conclusións que publicarán na revista Apicultura Ibérica, os científicos aínda non remataron coas conclusións.

Indica que está en contacto cun grupo de científicos europeos e asiáticos que pertencen á unha organización chamada Velutina Task Force. Estes científicos publican estudos en revistas de recoñecido prestixio científico, poñendo varios exemplos destes estudos científicos e informes médicos.

Mostra un estudio recente (Climate and land-use drivers of invasion: predicting the expansion of Vespa velutina nigrithorax into the Iberian Peninsula) sobre a previsión da súa expansión na Península Ibérica no que indica que nun período de 8 a 9 anos ocupará toda a península. Isto é máis amplo do que prevé o protocolo de vixilancia editado pola Xunta de Galicia e o MAGRAMA.

Recomenda que os apicultores tomemos datos para poder medir; rexistrar e deste xeito coñecer exactamente o seu impacto.

Fai unha crítica aos medios de comunicación porque sacan noticias sen ningún rigor científico que fan moito dano cara á opinión pública.

Nomea o geraniol e o xileno como sustancias que identificaron os investigadores, como atraentes de raíñas fundadoras.

BUSCA DE NIÑOS DE VELUTINA CON CANS

xornadas_006

Interveñen:

D. Miguel Mouta e Dna. Miriam Muñoz. SOLCAN Galicia.

Comezan indicando que están participando neste proxecto para intentar axudar a localizar niños de Velutina, aproveitando a capacidade do sentido do olfacto que teñen os cans. Baséanse na experiencia previa nun proxecto con moi bo resultado na detección do Picudo Rojo en palmeiras, no Levante.

Explican a disciplina e as horas de traballo que teñen que establecer cos cans, e tamén alertan de que a información que lles dean os apicultores ten que ser fiable. Preocúpalles que a presenza de niños no chan podan supoñer un risco para os cans, xa que poden ser atacados polas vespas, o que implicaría que non quixeran volver a traballar de novo.

Rematan facendo unha demostración cun can localizando niños en bloques. (https://www.facebook.com/Casadomel-Goente-As-Pontes-263743440313068/).

MÉTODOS DE ELIMINACION DE VESPA VELUTINA EN PORTUGAL

xornadas_007

Intervén:

D. Marco Portocarreiro.

Comeza indicando que en Portugal tamén hai un protocolo de actuación fronte a esta especie similar ao galego e o do País Vasco.

Sinala que teñen unha plataforma web http://sosvespa.pt/web participativa e pública na que están xeorreferenciados todo o seguimento dos niños. Nun primeiro momento foi creada e xestionada por un cidadán particular, pero actualmente está xestionada polo organismo público Instituto da Conservação da Natureza e das Florestas. Indica que a xestión do control da velutina está cedida aos municipios e hai fallos á hora de subir datos a esa plataforma, dependendo da eficiencia coa que se xestiona a súa eliminación.

Engade que en Portugal hai moita descoordinación por falta de información e de formación no tema.

Agradece á Casa do Mel esta iniciativa de organizar estas xornadas e sentar na mesma mesa a todas asociacións apícolas e á sociedade civil interesada.

Indica que a recollida de datos é moi importante e os análises deses datos tamén, por iso anímanos a seguir traballando na plataforma de xeolocalización de niños.

Explica que os métodos de trampeo de raíñas que se están utilizando hoxe en día non son os mesmos que os do ano pasado (déixanos unha mostra dunha trampa selectiva e amósanos un vídeo de como funciona) e probablemente non serán os mesmos que os do ano que ven. Serán métodos máis selectivos. Indica que se alguén captura unha raíña no outono nas trampas, por favor que o avise, porque el só captura obreiras e polos datos que manexa as raíñas están todas alimentándose no niño collendo reservas sen saír a buscar alimento, lévanllo as obreiras.

O mesmo exemplo pon cos métodos de eliminación de niños. Agora non elimina ningún niño de noite, a cantidade de insecticida utilizada é moito menor, non fumiga os niños para que morran inmediatamente senón que deixa un insecticida impregnado nunha mecha no interior do niño para que elas pouco a pouco vaian contaminándoo. Engade que tamén hai que ter en conta que en determinados momentos do ciclo desta especie, a colonia está traballando en dous ou tres niños fraccionados, e pode ocorrer que eliminemos un niño pero poidan seguir traballando nos outros porque a raíña segue activa. Se deixamos a mecha elas mesmas van distribuíndo a sustancia activa nos niños fraccionados.

Indica que os niños primarios non deben destruírse porque neses niños chegou a capturar ata cinco e seis raíñas fundadoras, ou sexa, se eliminamos unha raíña fundadora ao pouco tempo aparece outra para ocupar o niño e así continuamente. Tamén puxo exemplos de plantas insectarias que atraen a raíñas fundadoras.

Informa que están organizando unha asociación sen ánimo de lucro a nivel estatal e formada por voluntarios que integra a universidades, asociacións ambientalistas, sector forestal, asociacións civís, ….etc. Os integrantes comprométense a quitar todos os niños dende que reciben un aviso nun tempo máximo de 48 horas. E para iso indica que a colaboración e coordinación vai ser fundamental. Van necesitar unha persoa colaboradora con esta asociación en cada unha das parroquias da República de Portugal. Estas persoas recibirán unha formación técnica e coordinada sobre estratexias de trampeo, métodos de localización e tratamento dos niños.

Por ultimo móstranos “in situ” como se recoñecen anatomicamente as obreiras, os machos e as raíñas nun avespeiro que retiramos a noite anterior para poder mostralo nas xornadas.

TRAMPA ELÉCTRICA

xornadas_008

Intervén:
D. Ramiro J. Freire.

Comeza a intervención xustificando este método de loita para defender as colmeas do ataque e mostra como se constrúe; proxecta un vídeo que indica o funcionamento da mesma. https://www.youtube.com/watch?v=Q2RlBYy3Z18

PROTOCOLOS DE ACTUACIÓN DE GRUPOS DE EMERXENCIA E PROTECIÓN CIVIL PARA O CONTROL DA VESPA VELUTINA

xornadas_009

Intervén:

D. Lolo Andrade. Técnico de Protección Civil.

Comeza a súa intervención mostrando todo o equipamento que empregan os técnicos de Protección Civil, e puxo moitos exemplos de actuación e incluso de como reciclar como compost os niños.

Indica que percibe falta de coordinación na retirada de niños.

Apunta que é necesario transmitir e divulgar formación a toda a sociedade. E vai ser necesario convivir con ela pero coñecendo todo o mundo o seu comportamento.

Indica, o mesmo que Marco Portocarreiro, que os niños primarios non deben retirarse porque el observou que incluso as raíñas fundadoras neses niños peléxanse. Ten atopado ata cinco raíñas fundadoras mortas debaixo deles. Conclúe que un niño primario é o mellor atraente para raíñas fundadoras.

Indica que as pértegas que facilita a Administración son moi mellorables.

Mostra un dispositivo para destruír niños cun detonador e pólvora que só poderá utilizar persoal autorizado e con medidas de seguridade reforzadas.

PRESENTACIÓN DUN DRON (UAV) PARA ELIMINAR NIÑOS DE VESPA VELUTINA

xornadas_0010

Interveñen:

D. David Troca García. Piloto de UAV. WT Solutions Mode SL.
D. Luis Filgueira García. Piloto de UAV. WT Solutions Mode SL.
D. Óscar González. Enxeñeiro Industrial. WT Solutions Mode SL.
D. Pablo Flores. Enxeñeiro aeronáutico. Aeromedia.

D. David Troca comeza explicando que colaborou coa Casa do Mel nas reunións previas que mantiveron coa Universidade de Vigo, nelas valorouse a posibilidade de utilizar este tipo de aparellos e as ferramentas que pode transportar, para estudar ou axudar a controlar esta especie de igual xeito a como se utilizan en moitas aplicacions noutros campos da agricultura, emerxencias, inspeccións de liñas eléctricas e industria eólica, cartografías, control de obras, etc.

Fai unha exposición de toda a normativa que afecta a este tipo de equipos e indica que este é un método complementario, pero non pode suplir a ningún dos que se están empregando actualmente. É unha ferramenta que se pon a disposición do sector e que pode ter moitas aplicacións. Actualmente neste proxecto do grupo operativo están desenvolvendo unha ferramenta para montar no dron e poder levar un biocida ou a substancia elixida a niños que estean en lugares de moi difícil acceso; e polo tanto ademais da normativa que afecta o dron tamén ten que ter en conta o resto da normativa e permisos que son necesarios para utilizar esta ferramenta.

Indica que os drons pódeselle montar moitas outras ferramentas, e utilizalos noutras aplicacións, mostra algúns exemplos.

Dálle a palabra ao resto dos socios da empresa que se creou ao redor deste proxecto.

D. Luis Filgueira informa da fase de desenvolvemento na que está o dardo que esta previsto montar no dron, para levar aos niños o biocida ou sustancia elixida.

D. Óscar González explica os detalles técnicos e de enxeñería da ferramenta deseñada e as probas que se están realizando.

D. Pablo Flórez presenta os drons que ten no mercado actualmente a empresa na que traballa e enumera algún dos proxectos que están desenvolvendo.

CLAUSURA

xornadas_0011

Intervén:
D. Manuel Rodríguez Vázquez. Xefe Territorial Medio Rural – Xunta Galicia.

Mostra o seu agradecemento pola organización destas Xornadas e indica que é moi importante que toda a sociedade saiba de primeira man como se xestiona todo este problema; coñeza todos os medios que se utilizan; e os recursos que se empregan, porque saen dos impostos de todos.

Manifesta que en Francia están analizando se todos os recursos que se están empregando para combater esta especie, acadan a finalidade que perseguen, ou están sendo totalmente ineficientes.

Indica que, actualmente co trafico de mercadorías polo mercado internacional das mesmas, a presenza de pragas estiveron, están e estarán cada vez máis presentes na sociedade. A esta estáselle dando moita máis importancia pola mediatización que acadou, sen embargo, hai outras como poden ser as que actualmente están afectando á pataca (couza guatemalteca da pataca) que son pragas de corentena que poden arruinar ao sector, ás que non se lles está dando a atención que se merecen. Incluso cando organizan xornadas informativas non acode a xente do medio rural a informarse, cousa que non pasa cando se fala da velutina.

Polo tanto pide rigor cando se fala deste tema igual que cando se fala doutras pragas que afectan ao medio rural e a outros sectores produtivos.

CONCLUSIÓNS:

  • Creación dunha mesa sectorial sobre a velutina, con representación de administración, asociacións e os implicados na retirada de niños.
  • Incídese na gravidade desta especie invasora, xa que afecta a moitos insectos polinizadores, ademais das abellas; con un impacto medio ambiental e socioeconómico en distintos sectores.
  • Pídese que se realice investigación dende centros públicos en colaboración con asociacións apícolas, para coñecer mellor o comportamento da especie en Galicia.
  • Insístese na necesidade de dar información veraz para evitar a confusión entre velutina e a cabro, e outras especies.
  • Necesidade de intercambio de información entra as asociacións apícolas e a administración, sobre a xeorreferenciación dos niños localizados e a situación dos asentamentos apícolas, para conseguir unha maior eficacia no trampeo e na busca de niños primarios.
  • A misión dos apicultores, máis que retirar niños, debe de ser a se asesorar e colaborar cos colectivos que os eliminen; se algunha asociación se dedica a retirar avespeiros debería ter unha compensación económica para os gastos que orixine dita actividade.
  • Empregar o método mais eficaz de eliminación de niños, valorando o menor custo económico xustificado coa maior eficacia en cada caso, promover os que teñan menor impacto ambiental.
  • Todos coinciden en que, mentres non teñamos outra solución mais selectiva, hai que trampear sempre que capturen raíñas fundadoras e retirar as trampas cando non capturen, para evitar efectos colaterais con outros insectos; ter en conta as temperaturas medias nas diferentes localidades. Tamén sería interesante xeorreferenciar a colocación das trampas, para facilitar estudos posteriores.
  • Formar equipos para a retirada de niños, mancomunados, profesionalízalos e dotándoos dos medios necesarios.
  • Suscítanse distintos métodos para a protección das abellas e a súa viabilidade diferenciando, neste caso, entre os apicultores pequenos (autoconsumo e non profesionais) e os grandes (profesionais).
  • Manifestase certa discrepancia entre os apicultores coa utilización de troianos sen investigación previa, incluso mencionase que pode ser contraproducente para a calidade e comercialización do mel.
  • Xestionar e facilitar o movemento de colmeas e agrupamentos de REGAS nun mesmo asentamento, debido á velutina.
  • Valorar posibles compensacións económicas para compensar as perdas ocasionadas por ataque de vespa velutina.

A Casa do mel mostra o agradecemento pola asistencia a estas xornadas, pide o apoio e colaboración para o Grupo Operativo de Innovación.

Toda a información poderá consultarse na páxina web (actividades): www.casadomel.es